Monday 29 de April de 2024

Terra de Vida programa para o día 28 un novo percorrido ambiental polos espazos verdes de San Sadurniño


O proxecto Terra de Vida impulsado este ano polo Concello de San Sadurniño en colaboración coa Cooperativa Rexenerando vai organizar o próximo 28 de outubro pola mañá un novo obradoiro para descubrirmos os recursos ambientais e agroecolóxicos da zona da Cortiña, ademais da riqueza verde e histórica que atesouran os xardíns municipais. Trátase dun itinerario ambiental concibido como un xogo no que as familias con rapazada terán a oportunidade de mergullarse na paisaxe a través dos cinco sentidos. Para participar nesta viaxe polos espazos verdes de San Sadurniño fai falla inscribirse no 604 033 515 -de 8:30 a 14:30h- ou enviar un correo a paola@rexenerando.com. O prezo: 6€ rapazada ata 14 anos e 9€ as persoas maiores desa idade.

O obradoiro comezará ás 11:00h para ir percorrendo devagar o que Rexenerando denomina “infraestrutura verde dos terreos da Cortiña” ou, dito doutro modo, os espazos de alto valor ambiental que se van enlazando polo tramo urbano da ribeira do Xubia.

Pouca distancia e moi doada de andar -todo son sendeiros sen desnivel- que, ademais, ten moito contido a cada paso: a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, onde se atopan centos de variedades de froita do país; o arboreto da Cortiña, que reproduce a escala os distintos tipos de bosque autóctono existentes en Galicia; o colmear didáctico, onde se pode ver a certa distancia como traballan as abellas; a marabillosa Fraga Máxica poboada por animais e seres fabulosos; a estatua da Deusa Navia, única en Galicia, que representa a patroa do tránsito ao Alén, das fontes e da fertilidade (disque Santa Mariña é o trasunto desta deidade precristiá); e, por suposto, o propio paseo fluvial, que atesoura unha grande riqueza en flora e fauna.

Moi preto do río e da Cortiña tamén se encontra o conxunto formado polo pazo e os xardíns municipais, outro dos grandes recursos paisaxísticos e culturais cos que conta San Sadurniño, ademais de ser testemuño dunha longa historia e unha chea de historias curiosas que se irán lembrando durante o obradoiro.

Tal e como sinalan desde a Cooperativa Rexenerando, encargada de guiar a visita e coordinar as actividades que se van facer en cada punto, participar en Terra de Vida “é unha oportunidade única para mergullarse na historia deste anaco de terra e coñecer a súa aposta pola biodiversidade, a agroecoloxía e a cultura popular galega”.

Un proxecto aberto a familias, grupos e colexios
O Concello de San Sadurniño presentou a iniciativa “Terra de vida” o pasado mes de abril como ferramenta de divulgación dos espazos verdes do municipio. Trátase dunha nova liña de traballo coa que dar a coñecer e dinamizar os recursos ambientais e agroecolóxicos da contorna urbana (arboreto, horta de froiteiras, apiario e fraga máxica) e tamén os xardíns e máis o pazo da Marquesa.

Un obxectivo que se concreta na edición e publicación de novo material gráfico sobre os itinerarios e, máis que nada, na programación de percorridos guiados e obradoiros didácticos que poden solicitar tanto centros de ensino como familias e outros grupos organizados.

A próxima cita é o sábado 28 de outubro a partir das 11:00h -o obradoiro dura arredor de hora e media- e para participar nesta auténtica experiencia inmersiva na natureza de San Sadurniño só hai que chamar ao 604 033 515 -en horario de mañá- ou enviar un correo a paola@rexenerando.com. O prezo da actividade é de 6€ no caso de menores de 14 anos e de 9€ desa idade en diante.